Monday 06 de May de 2024

Inés Rey: “É o momento da segunda gran modernización da cidade”


Máis de 400 persoas asistiron en María Pita á constitución da nova corporación e á investidura da alcaldesa

“A Coruña sabe que conta cunha alcaldesa que asume e cre no principal reto que temos por diante: o de seguir facendo unha cidade ao nivel do orgullo que os coruñeses e as coruñesas senten por ela”, expuxo a rexedora, reelixida por outros catro anos con 15 votos

Máis de 400 persoas, representantes de todos os sectores da sociedade coruñesa e galega, asistiron hoxe en María Pita á sesión constitutiva da nova corporación municipal, sesión na que tivo lugar tamén a investidura da alcaldesa, Inés Rey, que comeza hoxe o seu segundo mandato á fronte da corporación ao obter os apoios de 15 concelleiros e concelleiras (11 do Partido Socialista e 4 do BNG) dos 27 que compoñen a corporación.

Segundo a normativa, a sesión comezou coa constitución da Mesa de Idade, composta polo concelleiro ou concelleira de maior idade e polo máis novo. Hoxe foron Manuel Vázquez (PSOE) e Carlos San Claudio (PP) os que ocuparon respectivamente ditos cargos. Trala toma de posesión dos 27 concelleiros e concelleiras electos tivo lugar a votación e a investidura. Por primeira vez desde o ano 2003 unha persoa repite á fronte da alcaldía, sendo a primeira vez na historia do Concello que o fai unha muller.

“A Coruña sabe que conta cunha alcaldesa que asume e cre no principal reto que temos por diante: o de seguir facendo unha cidade ao nivel do orgullo que os corueñeses e as coruñesas senten por ela”, expuso Rey no seu discurso de investidura. “Asumo este segundo mandato reafirmándome en ser a alcaldesa de todos e todas as coruñesas, votasen o que votasen. Os coruñeses e coruñesas seguirán atopando en min a alguén que quere o mellor para a súa cidade”, enfatizou a alcaldesa, que apostou tamén por reeditar a
aposta polo “diálogo e a amabilidade”.

Inés Rey avanzou tamén as liñas mestras dos mandato que agora comeza. “Podemos afirmar que é o momento da segunda gran modernización da cidade”, indicou, unha modernización que afianzará e ampliará os logros acadados no anterior mandato e que se baseará en catro eixos: a economía e o desenvolvemento sostible (coa Aesia e a Cidade das TIC como partes máis visibles, mais tamén coa modernización dos mercados municipais, a expansión e mellora do transporte público e a humanización dos barrios), a protección social (cun pulo especial ás políticas de vivenda), a promoción da cidade (patrimonio, cultura, turismo e deporte) e a gobernanza (apostando polo diálogo con outras Administracións).

“Asumiremos tamén o gran desafío do futuro da Coruña: a fachada marítima”, indicou a alcaldesa, que citou no seu discurso a todos os barrios da cidade e o espírito progresista e liberal que sempre caracterizou á Coruña e polo que seguirá apostando como seña de identidade.

Inés Rey recordou tamén que durante os vindeiros catro anos manterase firme na defensados intereses da cidade por enriba de calquera outra consideración: “Esta alcaldesa defende e participa sempre do diálogo institucional, pero faino desde a firmeza na defensa dos intereses da Coruña. A man sempre estará tendida, pero coa esixencia de que esta cidade merece o mellor trato”, dixo.

A rexedora, que agradeceu o apoio do BNG na investidura, saudou tamén aos novos concelleiros e recordoulles a gran responsabilidade dos seus cargos: “Estou segura de que todos e todas seremos dignos desta orgullosa responsabilidade, que pasará momentos duros, pero con obxectivos que merecen moito a nosa dedicación” , indicou Rey durante unha sesión plenaria rematada coa interpretación do himno galego cantado polo Coro Cantabile.